Sunday 28 de April de 2024

As obras de adecuación da fachada marítima comezarán mañá luns coa construción da nova rotonda da ponte do Campo de Noia


 

Os traballos obrigarán a corta totalmente a circulación polo Malecón de Cadarso durante as próximas dúas semanas

As obras de adecuación da fachada marítima de Noia, adxudicadas á empresa COPCISA por 434.380,12 euros, darán comezo mañá luns 2 de marzo cos traballos para a ampliación da glorieta. Unhas obras que obrigarán a cortar a circulación de vehículos polo Malecón de Cadarso durante as próximas dúas semanas.

A Policía Local de Noia informa de que o corte dará comezo mañá luns 2 de marzo, ás 8:00 horas, polo que o tráfico procedente da ponte do Campo de Noia desviarase polo Malecón de Gasset. Así mesmo, durante as obras habilitarase o dobre sentido de circulación na Carreiríña, para facilitar o acceso e saída á veciñanza de San Lázaro, que tamén terán outra saída cara o sur pola Ponte de San Francisco.

A Policía Local de Noia instalará a sinalización cos desvíos correspondentes e garantirá tamén un acceso para os comerciantes da Praza de Abastos e dos locais comerciais do Malecón de Cadarso, para que poidan cargar e descargar a mercadoría sen problemas. Se se cumpren as previsións iniciais da empresa, o corte total da circulación polo Malecón de Cadarso durará 2 semanas. Despois habilitarase un carril de circulación mentres duren as obras.

Descrición das obras

Uns traballos que, unidas ás que está a executar Portos de Galicia no Peirao do Marqués, “supoñen un investimento de case un millón de euros para mellorar a fachada marítima de Noia e que se verán complementadas con actuacións posteriores de limpeza e dragaxe”, explica o alcalde de Noia, Santiago Freire Abeijón. Deste xeito, Noia contará cun paseo peonil e mellorará a seguridade viaria na zona, tanto por acondicionar un paso amplo para os peóns como pola ampliación da glorieta na intersección do Malecón de Gasset, o Malecón de Cadarso e a ponte do Campo das Rodas.

Freire Abeijón apunta que “agora é un punto estreito e de difícil paso para camións e autobuses, pero a ampliación da glorieta mellorará a seguridade viaria e deixa aberta a posibilidade ao proxecto de conexión por ponte dende o Malecón de Cadarso ao Malecón de San Lázaro”. Esta glorieta no cruce dos malecóns de Gasset e Cadarso coa ponte da AC-550, terá 14 metros de radio e está deseñada de forma que non será preciso executar muro de contención augas abaixo da ponte, polo que non se ocupa ningún espazo protexido pola Rede Natura 2000 ZEC “Esteiro do Tambre”. No seu lugar, executarase un muro de contención augas arriba da ponte, espazo fóra do “Esteiro do Tambre”.

As obras tamén contempla a reposición das beirarrúas e das barandillas do inicio da ponte. En canto ao mobiliario urbano, está prevista a colocación de cinco papeleiras e outros tantos bancos de madeira. A solución proxectada mantén unha calzada de 7 metros de ancho para os vehículos, con dous carrís en ambos sentidos da circulación de 3,5 metros, e incorpora un paseo peonil de 2,5 metros de ancho. A estrutura do paseo será de aceiro inoxidable e cun pavimento de madeira como o que xa está instalado no Peirao do Marqués.